martes, 2 de maio de 2017

BREVE CRÓNICA DA FESTA DO MAIO 2017


"Se en marzo veis a culebra,
                     en  maio neva"

Este ano cumpría celebrar o renacer da natureza con forza e así o fixemos, os incendios produto da ousadía e a imprudencia dos homes e o mal facer das administraciois veu acompañada para o Bierzo dun inverno que fixo das súas, días antes á celebración do maio. As xeadas e o frío estiveron moi presentes, mesmo a xornada anterior ao festexo tradicional co que damos a benvida á primavera en Vilafranca,

 As cousiliñas e contos de primavera do 29 de abril:



Nunha tarde fría de abril iniciamos a nosa aproximación á entrada do mes de maio da mao de Antonio Fernández Morales que está de bicentenario (1817-2017) Tomamos dos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano  as cousiliñas e outros textos moi coñecidos, como o poema que dedica a Vilafranca. Na compaña dun grupo de rapaces e rapazas, pais e nais, entramos logo a xogar coas palabras e aprender máis sobre as estaciois, o cambio do inverno ao vrao e acabamos comendo castañas maias e outras larpeiradas que foron tiradas ás arrefatiñas.  Logo puxémonos a preparar o Burro do Inverno para o día seguinte.


Noite do 30 de abril

Porque a auga de mar é salgada? montaxe de "Os Quinquilláns" coa que viaxamos, partindo do teatro ( a causa da chuvia,) e  tras aprender a manexarnos polos fondos mariños e coñecer muitos peixes descoñecidos no Bierzo ata a entrada do xardín onde queimamos o burro do inverno.


































Podemos vela nestas reportaxes no facebook,de Miguelín Salvavidas que gravou o remate da viaxe mariña cos Qunquilláns  e a queima do Burro do inverno tan ben acompañados polos Feroces da Galgueira.



















 1 de maio: 


Como é xa costume tamén, distintos medios de comunicación recollen e realizan pequenas reportaxes que dan idea do transcurrir da festa, reparando en detalles por veces curiosos.


En infobierzo e o bierzodigital atopamos unha boa reportaxe fotogáfica de César Sánchez e de Mario de la Torre. Outra referencia habitual presentan na prensa escrita do Diario de León ou da Nueva Crónica.
 Tamén  BierzoTV nos agasalla anualmente cunha reportaxe en audiovisual aos que cabería engadir unha chea de vídeos particulares que circular polas rede no facebook deixamos algúns enlaces:

Dende a Escola de gaitas agradecemos de corazón a todos os que participan, colaboran e disfrutan con nós  para facer que esta festa tradicional non se perda.

NOTA: Insistimos os rostros dos que levan os maios tradicionalmente non se deben ver. Precisamente para que non se perda a tradición este grupo de vilafranquinos/as vestíronse de maios ocultándo os seus rostros na medida do posible e poder pasar deste xeito a ser anónimas árbores vivientes que representan á natureza ata que ao final do percorrido, por fin ser liberados da rixidez  propia dos vexetais e pasar a ser de novo persoas recoñecibles con nome e apelidos, portadores da tradición.


venres, 21 de abril de 2017

PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2017



Os carteis que ano tras ano anuncian a tradicional Festa do Maio permiten con esa moderna transgresión creativa da mao dos seus autores que vexamos con novos ollos este costume singular que conservamos. Neste 2017 descubrimos a mirada de J.C.Mestre sobre unha Vilafranca secular cantando á primavera representada por unha masa atemporal, arbórea e humana, que entre as nosas montañas recibe o vigor da estación. Emerxen así os amores posibles ou imposibles semellantes ás cuquelas amarelas de abril, ou as papoulas coloradas de maio, á beira da melancolía dos ríos que atopou o poeta nas violetas. Son persoas anónimas ás que cada quen pon o seu nome e apelidos. Sempre acertan, porque xeración tras xeración, todos os ninos da vila, que logo son mozos ou mozas e que algún día serán vellos, descubriron as estaciois cantando o maio nesta procesión ecolóxica e nutricia que chega a todas as casas. Hai quen ve así ao seu amigo da infancia, a aquel primeiro amor que nunca se esquece, ao irmao que emigrou, ao seu pai ou a súa mai que en paz descansan xa na terra. Non faltará quen vexa entre as voces corais que cantan na nosa fala a Antonio Fernández Morales, que está de bicentenario e, como home progresista que era, non quixo perderse a manifestación.
A sinxeleza desta tradición, non a exime de manter latentes dimensiois épicas, líricas ou mesmo dramáticas, unha transcendencia do cotián e popular coa que decidimos representar en Vilafranca, para propios e alleos, o reiterado paso do inverno á primavera. Usamos, como non, os símbolos. Botamos as castañas maias que debemos comer no 1º de maio para que non nos dea o desmaio, enmarcando con todo rigor e simpleza os ciclos estacionais do tempo do frío ao da calor, dos maios aos magostos. Humanizamos á natureza cos nosos maios, que como árbores sen rostro, andan a pé polas rúas, déitanse a durmir e logo se levantan tras o paso alegórico do burro invernal. 
                       H.S.



*Cartel: Unha evocadora litografía realizada para a ocasión por Juan Carlos Mestre  ao que agradecemos a súa colaboración así como tamén a enmaquetación de  J.A. Róbés.



PROGRAMA DE ACTOS.   FESTA DO MAIO 2017

Caricatura de Siro López
Sábado 29 abril: ARROUPANDO Á TRADICIÓN         
Ás 17.00:  COUSELIÑAS E CONTOS DE PRIMAVERA


Este acto destinado ao público infantil está inspirado en textos de ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, o cantor do galego no Bierzo,  quere ser unha pequena homenaxe con motivo do seu Bicentenario (1817-2017). Ademais terá como obxectivo comezar co adorno das rúas por onde se fará o percorrido nocturno do día seguinte e a confección do Burro do Inverno.






Domingo 30 abril: 

Ás 9 da noite: Na Praza da Campairo dará comezo o espectáculo músico teatral de recibimento do maio LEVÁNTATE MAIO!  que este ano  estará dividido en tres partes:
Contaremos, en primeiro lugar, coa presenza da compañía de teatro OS QUINQUILLÁNS que porá en escena polas rúas históricas da vila a obra “Por que é salgada a auga do mar?”.


Na segunda parte realizaremos a QUEIMA BURRO DO INVERNO, un espectáculo que invita á participación activa e espontánea, facilitando a comprensión do simbolismo da celebración da nosa Festa do Maio.



E remataremos coa música: OS FEROCES DA GALGUEIRA, que amenizarán tamén o percorrido.





Luns 1º maio. O MAIO TRADICIONAL

Ás 9 da mañá saída a cortar as cañabeiras polos arredores da vila. Acto seguido comezan a vestirse os maios: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e a Cábila.
Ás 11 da mañá comezan os distintos percorridos polos barrios da vila.
Ás 14 horas xúntanse todos os grupos na Praza Maior.
A continuación comida campestre de todos os participantes.
             

venres, 14 de abril de 2017

CARTEL DA FESTA DO MAIO 2017



PRESENTACIÓN DO CARTEL DA FESTA DO MAIO 2017

O cartel da Festa do Maio do 2017 debémosllo á espléndida mao de JUAN CARLOS MESTRE. A Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo procura así unha nova visión da tradición e o costume a través dos ollos deste xenial poeta e recoñecido artista plástico.


A voz dos poetas está viva permanentemente nas palabras e ás veces tamén nas ilustraciois. Ocorre neste caso na engaiolante evocación coa que nos agasalla xenerosamente J.C. Mestre. Nesta  evocación da Festa do Maio, amósasenos unha Vilafranca singular baixo un ceo azul nun avisedo das Tres Campás ou do Malvís ou da Rapiña, emerxe coma un bosque de árbores e de persoas. 

Densa masa de homes, mulleres e foresta avanza nun movemento que por forza é estático e medra coma as plantas con vigor confundindo corpos e madeira. Rostros que nos falan dos mozos e mozas en infinito movemento que cantan a mesma canción que as aves da liberdade e da esperanza nun primeiro de maio.

Cantar o maio  é anunciar a primavera e sentir o río ferido na procura da súa confluencia entre vales angostos, ecos de amor e chuvia que serán semente de rosas de vermello intenso, peixes de escamas brillantes, truitas que corren polos montes da historia, que como os amantes nos soportais se dan bicos, e so cubo da ponte dialogan coa sabia que corre polas veas das árbores en primavera. Espertan alegrías de antepasados ilusionados en canciois que se poden envolver nun pano de pombas coloradas, de amarelas cuquelas, entre as papoulas e as violetas, de ondas que coma ríos de sangue ou cireixais en flor cuspen primaveras …

Prevalece na ilustración de Mestre o maio interior e fondo, un mes tinxido pola melacolía ao ser este mes de maio no que nos deixara Gilberto N. Ursinos. Tamén un día de primavera a Parca levounos a Antonio Pereira. Ambos están presentes e dialogan coa estación evocada polo poeta. Ademais o autor emula cos pinceis a valentía de Antonio Fernandez Morales neste ano do seu bicentenario, o valente poeta que se atreveu a cantar na fala dos humildes do Bierzo botando mao dos cachois de palabras da dignidade dun pobo analfabeto capaz de exercer a cultura na vendima, nos magostos, nos fiandois, no entroido ou nun primeiro de maio.

Forte presenza da paisaxe e da natureza na flora de raíz que arrinca retortas árbores que miran ao ceo dende a terra, a súa substancia. Non podían faltar os peixes que flotan nos ríos que flúen, coma augas entre os dedos das maos, como feridas desa terra natal á que alimentan co seu líquido elemento. O burro lírico da copla asómase tamén nesta evocación que quere sobre todo ser evocación da memoria e das xentes humildes e analfabetas que saben dun xeito popular e entrañable da beleza da vida e con esa contundencia e esa conciencia persoal absolutamente fiel manifestan con agarimo esa comuñón coa fertilidade da Terra un primeiro de maio. Unha manifestación popular porque a beleza non é un lugar onde vaian parar os cobardes.

Graciñas, Mestre, pola valentía de ampliar o horizonte do significativo desta tradición milenaria.

No nome da Escola de Gaitas, 14-04-2017 Héctor Silveiro.