xoves, 31 de decembro de 2015

AS XORNADAS DA CULTURA E DA LINGUA GALEGAS NO BIERZO

Agora que vimos de cumprir 34 anos gustaríanos facer memoria das Memorias das que se denominaron Xornadas da Cultura e Lingua galegas no Bierzo que a Escola de Gaitas de Vilafranca organizou coa intención de darlle continuidade a varias iniciativas de gran calado para o galego do Bierzo que diversas entidades galegas e bercianas realizaran con anterioridade. Máis adiante prometemos dedicar unha entrada exclusivamente a estes importantes precedentes das nosas Xornadas.

Estas Xornadas foron realmente transcendentais para que anos máis tarde se comezase a impartir galego nos centros educativos do Bierzo e Sanabria, para que na nosa comaraca cambiase a concepción que se tiña sobre a lingua e mudase a visión que os bercianos/as tiñan sobre a fala histórica dunha parte considerable dos seus habitantes. Aínda que os seus contidos foron tan transcendentes como o feito da súa celebración, da difusión e publicidade das mesmas (de aí o labor divulgativo da publicación das Memorias), imos ir colgando ditos contidos posto que hai tempo que están esgotados os distintos exemplares de cada unha das xornadas e cada vez faise máis difícil o acceso a eles.

Debemos agradecer  a todas as persoas, que invitadas a participar da iniciativa, acudiron desinteresadamente a nosa chamada e aportaron tempo e traballo para darlle corpo ás mais de 300 páxinas que sobre o galego nos lindeiros da galeguidade se foron sumando á aínda escasas publicaciois de investigación e estudo que precisa. Tamén é xusto engadir un agradecemento especial á Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que foi quen subvencionou a edición dos dípticos, cartaces e posteriormente das Memorias das catro convocatorias que se fixeron nos anos 90.




Para a Asociación cultural, a convocatoria e organización destas xornadas foi todo un reto e contribuiu a facernos medrar, a consolidar unha conciencia e un compromiso na defensa da diversidade lingüística e da nosa riqueza cultural. Estamos orgullosos de fortalecer esta vella tradición que nos confire identidade, a fala dos nosos maiores, e singularmente a dos nosos gaiteiros, pois non se pode esquecer que nosoutros comezamos sendo unha simple escola de gaitas e que foi este instrumento quen nos foi levando xunto con tradiciois tan fermosas e vellas como a Festa do Maio, cara á preocupación pola lingua.

Como xa temos dito cada edición das Xornadas xirou arredor dun tema que foron:

 Na I Xornada: A tradición oral e a lingua.
 Na II Xornada: O calendario tradicional.
 Na III Xornada: Homenaxe a Sarmiento.
 Na IV Xornada: Textos e contextos do galego no Bierzo.

Imos logo colgar a continuación unha primeira parte da que é a memoria da I XORNADA CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO: A tradición oral e a Lingua celebrada o 28 de agosto de 1993.


























Ningún comentario:

Publicar un comentario