xoves, 20 de agosto de 2015

PASOU UN BURRO


Pasou un burro e non o sentiche… Por que un burro?


Todo ten a súa razón de ser. Cuando celebramos a “festa do maio” estamos no mes que leva este nome, pero ineludiblemente no noso camiñar ao longo do calendario, ano tras ano, vimos sempre do mes de abril,  que resulta que tamén tein de vello,  xunto co mes de maio, unha relación mui especial co burro.

"O 1 de abril van os burros onde non deben de ir”.  Así reza un refrán que os vellos da vella Galicia gardan na memoria. Era costume nesa data do primeiro do mes realizar todo tipo de bromas, algo así como o “día das trampas”. Esta tradición, equivalente ás inocentadas do mes de decembro ou da noite de fin de ano, vein da antiga celebración precristiá que perviviu en distintos lugares de fonda raigame agraria de Europa onde o comezo do ano celebrábase coa primavera, é dicir, a finais de marzo. Pero sinceramente cremos que a copla do noso maio debe facer referencia ao burro por outros motivos para os que de novo debemos facer referencia ás indagaciois noutros territorios veciños, poñamos por caso o norte de Portugal.

“Maio, mes dos burros”. Así é como por varios lugares de Portugal se coñece a este mes. Imos na procura de respostas. Hai quen asegura que no mes de maio “empreñan as burras” e como as burras permanecen 12 meses grávidas, os burriños nacen precisamente no mes de maio. Esta podería ser unha razón para cantar así a nosa canción, se ademais temos en conta que tanto para os nosos veciños como tamén para os bercianos, o mes de maio é o mes no que proliferan as feiras de burros e cabalos, xa non é preciso lembrar a popular feira de maio de Cacabelos.

“Para o Maio ou o Burro non entrarem”. Mais se seguimos tirando do fío atoparemos como o burro pasou de ser un simple animal doméstico inofensivo á personificación, deberíamos dicir mellor transmutación, nun animal cargado de superstición, próximo ao mal, entendido ben como un ser que pode traer un mal concreto, ben como símbolo dun mal máis abstracto e impreciso, en todo caso relacionado, iso si, coa estación primaveral e/ou a fertilidade. O mal que se teme é precisamente a falta da fecundidade, algo semellante á permanencia do inverno.

O motivo polo que no Norte de Portugal, en diversos lugares, se realizan distintos ritos coa entrada do mes (como colocar nas casas e ventás xestas floridas) está intimamente asociado a outro ritual que tamén atopamos no Bierzo: “o primeiro de maio comer castañas maias, é dicir, secas, para que non che dea o desmaio”. Ese “desmaio” que podemos considerar un mal propio da época, curiosamente foi na mentalidade das poboaciois rurais personalizado, dándolle varios nomes: “Maio”, como o nome do mes vital para colleitas e rabaños no mundo agrario, ou tamén “Burro”, seguramente por ser maio, o mes dos burros. Para que o mal non entrase, baixo a denominación de Maio ou Burro, (con maiúscula e chamado por veces  “Carrapato”), debíase cumprir coa tradición.
Son varios os ditos e refráns que confirman estas crenzas ancestrais, orixe seguramente das celebraciois dos maios para espertar a primavera. En Tras os Montes “no 1º de maio débense comer castañas. Caso contrario, ao atoparse cun burro, este tírase à persoa e mórdeo”. Outros ditos advirten que “se non comes as maias, váiseche morrer o burro ou o gando”.  Hai quen aventura que o uso de comer castañas secas en maio, viría da tradición mui antiga de que, nese día 1º do mes, o pater familias ía á fonte e esconxuraba ou afastaba con fabas pretas aos espíritos malignos (é dicir, o «Burro») da súa casa. De aí a expresión “vai à feira e tráeme as maias”.


Logo nas coplas da nosa vila que reclaman castañas e que rematan pedíndolle ao maio que se levante, ten lóxica que se mencione tamén a un burro no que, a modo de oración ou ladaíña propiciatoria, solicítase a entrada do ben da fecunda primavera e deixar atrás o duro e improdutivo inverno (ao que poderiamos identificar tamén co “burro” da nosa cantiga).

Héctor M. Silveiro Fdez, maio 2013



Ningún comentario:

Publicar un comentario