xoves, 27 de agosto de 2015

Festa do maio 2014

FESTA DO MAIO  2014





OS SÍMBOLOS ESENCIAIS DA NOSA FESTA DO MAIO.
Texto: Héctor M. Silveiro


Cal é o rostro do mes maio en Vilafranca?
Esta é unha pregunta que presenta unha certa contradición ou paradoxo, podería incluso parecer algo retórica porque sabido é que o maio na nosa vila é concibido como un disfrace. O comezo da nosa reflexión parte, sen dúbida, da importancia que lle damos a tradición tendo en conta a maiores a transcendencia da que goza a imaxe á hora da difusión da nosa peculiar forma de celebrar a primavera neste  mundo de hoxe tan  globalizado que é no vivimos. Estas que seguen son as nosas conclusiois.

 Di o refrán: A cara é o espello da alma. Indagando cal pode ser a esencia do noso costume, non resulta absurdo preguntarse cal pode ser o rostro do noso maio. Pero tendo en conta que, como reza a tradición, aos maios humanos que percorren a nosa vila non se lles debe ver a cara, é dicir,  os mozos ou as mozas que se vistan cos mazandois ou as cañaveiras deben levar o seu rostro cuberto, ser irrecoñecibles polos seus veciños. Aínda que pareza un paradoxo, que teña ese punto de aparente contradición, non o é. Cremos que neste misterio reside a maxia da festa dende tempos remotos.  O noso maio, como as máscaras rituais máis primitivas deixa impresa na memoria colectiva unha imaxe que podemos reducir a alguis dos elementos que aparecen no ritual repetido ano a ano e entendemos funcionan como esenciais. Imos analizalos.

 O primeiro, precisamente é a humanización da árbore, ese ser que representa a natureza e os seus ritmos. A máscara ou disfrace que vestimos cada ano no 1º de maio en Vilafranca deixa tras das ramas que cobren á persoa e proxecta a ilusión doutra cousa: o espírito do espertar da natureza. O maio humano que camiña polas rúas como se dunha desas máscaras rituais máis primitivas se tratase, lévanos do corpo físico do cotiá ao extraordinario e transcendente, ata o terreo do sacro pois nas culturas atávicas onde o lume, a auga, as pedras son obxecto de culto como o eran os astros, o sol e a lúa, tamén o son as árbores e o maio convértese cada ano por estas datas nunha árbore máxica, cargada e cuberta do vigor vexetal que anda pola vila. 


É por iso que non pode ter o rostro de ningún vecín, para poder representar a chegada da Primavera:

 “Marzo airoso, abril chuviñoso, 
sacan a maio florido e hermoso”.  


Agora xa é unha árbore ou se se quere o vexetal humanizado que se presenta:

“este é  o maio, señora é, 
este é o maio que anda da pé”

e ante as casas ou nas prazas como xa sabedes mesmo se deita para erguerse cando cantamos: 

“Levántate maio bastante dormiche,
 pasou un burro e non o sentiche!”.


A primavera en Vilafranca literalmente chega así a cada praza, a cada casa. Mais na copla cantada aparece outro novo símbolo antagónico, o burro, un animal doméstico e habitual tras do que se oculta ou se evita citar a palabra tabú, xa que tein un sentido maléfico. O burro representa o mal do inverno: Invítase ao maio a espertar posto que xa pasou o inverno, non o sentiche?!  (No programa do ano pasado explicamos en detalle esta relación do burro co maio podes consultala  www.bierzocultura.org).

Por último, outro elemento esencial do proceso non debe pasar desapercibido, pois para evitar que o mal do inverno se apodere de nós os cortexos que acompañan ao maio cantan insistentemente baixo os balcois: “Tire castaña, señora maría, tire castañas cas tein na cociña”. Como din os máis vellos, hai que comer castañas maias, maiolas (castañas secas) no primeiro de maio para que non nos dea o desmaio! Efectivamente dun xeito máxico os efectos desgraciados do inverno desaparecen grazas a esta acción de botar castañas aos maios.



O valor destes símbolos e alegorías populares entendéronnos ben os poetas que introduciron nos seus versos estas palabras cargadas  de sentido para expresar de xeito culto os sentimentos e as esperanzas das persoas e dos pobos: Os cantos dos paxaros, que evoca na súa alborada Rosalía, tamén ese maio, plenamente humano que reivindica no seu poema Curros Enríquez, son tan só dous dos muitos que poderían ser citados en cada primavera. Tamén os pintores que retratan cos pinceis sobre un lenzo as verdades e que cunha imaxe son quen de conmover a humanidade, botan mao dos símbolos e pintan rostros e miradas que son a ilusión en esencia e o sentir dos seus. O retrato, o poema, ou se se quere o rostro do mes de maio dunha vila como Vilafranca  sinte tízase ano tras ano na Festa do maio.




PROGRAMA
1º maio.  O maio  tradicional
Comida campestre e tarde de contos, cantos e bailes. Xogos populares.
2 de maio - Arroupando a tradición: Visitas aos centros escolares da vila para explicar as orixes, simboloxía e identidade da nosa festa, do maio de Vilafranca.




NOTA: Ese ano, despois de anos e anos editando imaxes e fotos para chamar á festa e convocar a esta celebración da Primavera, lembramos o traballo de Cristina Fernández Álvarez, da nosa Cristina, que foi unha das primeiras persoas preocupadas por comprender e realzar esa imaxe do maio vilafranquino. Ela prestounos os seus ollos, a súa sensibilidade para observar a través da súa pintura unha visión orixinal, simbólica e emotiva da Festa do maio.  Das distintas imaxes nas que ela creou, escollemos un cartel que realizou o ano 1987 e que, entre outras cousas, quere representar o vigor co que a tradición ligada á terra vive nos nosos corazois.

(Así foi vista a festa polos alumnos/as de 3º da ESO do IES Padre Sarmiento)

Ningún comentario:

Publicar un comentario