venres, 28 de agosto de 2015

O NOSO SELO EDITORIAL: BIERZO TRADICIONAL

BIERZO TRADICIONAL, O SELO EDITORIAL DA ESCOLA DE GAITAS

Temos vontade de contribuír humildemente á difundir o noso patrimonio tradicional a través de distintos formatos e iniciativas. A Asociación cultural desde os anos 90 vén ofrecendo diversos materiais que son xa referenciais nos traballos de etnografía e folclore do Bierzo.

Lembraredes que con motivos do X aniversario da Escola de Gaitas procuramos a edición en formato de Cassette do Encontro de gaiteiros tradicionais.

Anos despois aparecerían a Unidade Didáctica: A Festa do Maio de Vilafranca editada pola propia Asociación cunha subvención da Xunta de Galicia e tamén presentamos un vídeo co Documental que dirixira Benxamín Vázquez titulado Os maios mozos de Vilafranca do Bierzo. Precisamente a raíz da nosa implicación na recuperación da festa do maio editamos anualmente carteis e programas en forma de trípticos ou dípticos que ademais dos programas de actividades procura incluír pequenas calas relativas á celebración tradicional e o seu sentido e interpretación.




















Os Contos de maio son textos escritos en galego, antes da introdución do galego nos centros escolares do Bierzo coa intención de que docentes e alumnos/as fixesen uso escrito desta lingua que como expresión falada atopámola habitualmente nas conversas entre vecíños e que muitos ninos utilizan nas súas casas, pero nunca o facían á hora de escribir. Os textos editados son os contos creados para un concurso do que realizamos dúas convocatorias en 1993 e 1994.

Nos anos 90 tamén editamos  4 memorias cos comunicaciois das Xornadas  da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que conteñen numerosos aportes de carácter lingüístico e etnográfico, tamén literarios de interese especialmente polas personalidades que teñen participado nas mesmas.

Co cambio de século nos anos 2000 propuxémonos seguir con esta actividade de investigación e divulgación creando o selo editorial BIERZO TRADICIONAL e publicando:



E recentemente tras varios anos de investigación editamos o primeiro libro da colección BIERZO TRADICIONAL: 





Deixamos a continuación un vídeo de promoción do acto de presentación deste libro:


AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO (2005- 2015)

Desde o ano 2005 as actividades da Comisión Cultural Martín Sarmiento centráronse nas denominadas XORNADAS MARTÍN SARMIENTO que levan realizado neste dez anos sete ediciois.

Os precedentes, unha vez constituída a Comisión Cultural (que tamén tivera unha iniciativa anterior naque se realizou unha serie de reuniois pro museo de Vilafranca) pensando inicialmente que o 2002, o ano Sarmiento ao ser homenaxeado no Día das Letras Galegas pola Real Academia Galega, debería ter unha continuidade no tempo de cara a seguir difundindo a obra do erudíto, desenvolvendo o que denominamos PROXECTO SARMIENTO PARA O BIERZO. Este proxecto contempla unha serie de iniciativas entre as que se atopa a da CASA NATAL do ilustrado galego nacido en Vilafranca e unha Aula da Natureza que a pesar que se deron pasos aínda non son realidade, pero tamén había outras actividades como eran as Xornadas Escolares Martín Sarmiento que se levan realizando e van cobrando maior entidade a medida que se realizan ano tras ano coincidindo coa súa data de nacimento. 

A modo de memoria realizamos unha panorámica das Xornadas realizadas dende o ano 2005. Cada unha das ediciois procurou centrarse nunha serie de facetas dos traballos de Sarmiento que veñen destacadas no lema ou título de cada edición (se clicas en cada título poderás consultar os programas e máis abaixo podes ver vídeos e crónicas das actividades levadas a cabo durante estes anos)

I- XORNADAS MARTÍN SARMIENTO:TOPONIMIA, NATUREZA E LINGUA (2005)

















Podes ver  un vídeo de promoción da IV XORNADAS e dos seus contidos  e un resumo dunha das sesiois realizadas no Teatro de Vilafranca o 9 de marzo de 2012)










 A seguir podes tamén ver un vídeo promocional desta edición:





 E tamén deixamos enlaces cos seguintes contidos:







Deixamos eiquí algún enlace cos vídeos cunha reportaxe sobre as VI XORNADAS e outros das distintas intervenciois dos centros escolares participantes dos Intercambios Martín Sarmiento 2014:






 A continuación deixamos varios enlaces de interese sobre esta edición:

FOTO CON SARMIENTO
CONCURSOS CON SARMIENTO
POLÍTICA MUNICIPAL, EDUCACIÓN E LINGUA NO BIERZO
REPERCUSIÓN MEDIÁTICA DAS XORNADAS

xoves, 27 de agosto de 2015

Festa do maio 2014

FESTA DO MAIO  2014





OS SÍMBOLOS ESENCIAIS DA NOSA FESTA DO MAIO.
Texto: Héctor M. Silveiro


Cal é o rostro do mes maio en Vilafranca?
Esta é unha pregunta que presenta unha certa contradición ou paradoxo, podería incluso parecer algo retórica porque sabido é que o maio na nosa vila é concibido como un disfrace. O comezo da nosa reflexión parte, sen dúbida, da importancia que lle damos a tradición tendo en conta a maiores a transcendencia da que goza a imaxe á hora da difusión da nosa peculiar forma de celebrar a primavera neste  mundo de hoxe tan  globalizado que é no vivimos. Estas que seguen son as nosas conclusiois.

 Di o refrán: A cara é o espello da alma. Indagando cal pode ser a esencia do noso costume, non resulta absurdo preguntarse cal pode ser o rostro do noso maio. Pero tendo en conta que, como reza a tradición, aos maios humanos que percorren a nosa vila non se lles debe ver a cara, é dicir,  os mozos ou as mozas que se vistan cos mazandois ou as cañaveiras deben levar o seu rostro cuberto, ser irrecoñecibles polos seus veciños. Aínda que pareza un paradoxo, que teña ese punto de aparente contradición, non o é. Cremos que neste misterio reside a maxia da festa dende tempos remotos.  O noso maio, como as máscaras rituais máis primitivas deixa impresa na memoria colectiva unha imaxe que podemos reducir a alguis dos elementos que aparecen no ritual repetido ano a ano e entendemos funcionan como esenciais. Imos analizalos.

 O primeiro, precisamente é a humanización da árbore, ese ser que representa a natureza e os seus ritmos. A máscara ou disfrace que vestimos cada ano no 1º de maio en Vilafranca deixa tras das ramas que cobren á persoa e proxecta a ilusión doutra cousa: o espírito do espertar da natureza. O maio humano que camiña polas rúas como se dunha desas máscaras rituais máis primitivas se tratase, lévanos do corpo físico do cotiá ao extraordinario e transcendente, ata o terreo do sacro pois nas culturas atávicas onde o lume, a auga, as pedras son obxecto de culto como o eran os astros, o sol e a lúa, tamén o son as árbores e o maio convértese cada ano por estas datas nunha árbore máxica, cargada e cuberta do vigor vexetal que anda pola vila. 


É por iso que non pode ter o rostro de ningún vecín, para poder representar a chegada da Primavera:

 “Marzo airoso, abril chuviñoso, 
sacan a maio florido e hermoso”.  


Agora xa é unha árbore ou se se quere o vexetal humanizado que se presenta:

“este é  o maio, señora é, 
este é o maio que anda da pé”

e ante as casas ou nas prazas como xa sabedes mesmo se deita para erguerse cando cantamos: 

“Levántate maio bastante dormiche,
 pasou un burro e non o sentiche!”.


A primavera en Vilafranca literalmente chega así a cada praza, a cada casa. Mais na copla cantada aparece outro novo símbolo antagónico, o burro, un animal doméstico e habitual tras do que se oculta ou se evita citar a palabra tabú, xa que tein un sentido maléfico. O burro representa o mal do inverno: Invítase ao maio a espertar posto que xa pasou o inverno, non o sentiche?!  (No programa do ano pasado explicamos en detalle esta relación do burro co maio podes consultala  www.bierzocultura.org).

Por último, outro elemento esencial do proceso non debe pasar desapercibido, pois para evitar que o mal do inverno se apodere de nós os cortexos que acompañan ao maio cantan insistentemente baixo os balcois: “Tire castaña, señora maría, tire castañas cas tein na cociña”. Como din os máis vellos, hai que comer castañas maias, maiolas (castañas secas) no primeiro de maio para que non nos dea o desmaio! Efectivamente dun xeito máxico os efectos desgraciados do inverno desaparecen grazas a esta acción de botar castañas aos maios.



O valor destes símbolos e alegorías populares entendéronnos ben os poetas que introduciron nos seus versos estas palabras cargadas  de sentido para expresar de xeito culto os sentimentos e as esperanzas das persoas e dos pobos: Os cantos dos paxaros, que evoca na súa alborada Rosalía, tamén ese maio, plenamente humano que reivindica no seu poema Curros Enríquez, son tan só dous dos muitos que poderían ser citados en cada primavera. Tamén os pintores que retratan cos pinceis sobre un lenzo as verdades e que cunha imaxe son quen de conmover a humanidade, botan mao dos símbolos e pintan rostros e miradas que son a ilusión en esencia e o sentir dos seus. O retrato, o poema, ou se se quere o rostro do mes de maio dunha vila como Vilafranca  sinte tízase ano tras ano na Festa do maio.




PROGRAMA
1º maio.  O maio  tradicional
Comida campestre e tarde de contos, cantos e bailes. Xogos populares.
2 de maio - Arroupando a tradición: Visitas aos centros escolares da vila para explicar as orixes, simboloxía e identidade da nosa festa, do maio de Vilafranca.




NOTA: Ese ano, despois de anos e anos editando imaxes e fotos para chamar á festa e convocar a esta celebración da Primavera, lembramos o traballo de Cristina Fernández Álvarez, da nosa Cristina, que foi unha das primeiras persoas preocupadas por comprender e realzar esa imaxe do maio vilafranquino. Ela prestounos os seus ollos, a súa sensibilidade para observar a través da súa pintura unha visión orixinal, simbólica e emotiva da Festa do maio.  Das distintas imaxes nas que ela creou, escollemos un cartel que realizou o ano 1987 e que, entre outras cousas, quere representar o vigor co que a tradición ligada á terra vive nos nosos corazois.

(Así foi vista a festa polos alumnos/as de 3º da ESO do IES Padre Sarmiento)

luns, 24 de agosto de 2015

ACTOS DE MAIO E OUTONO DO ANO SARMIENTO 2002:

DO MAIO DAS LETRAS AO OUTONO DAS PALABRAS

1ª XORNADA ESCOLAR MARTÍN SARMIENTO  30 ABRIL - 1 MAIO



"Sein pola miña mai que os rapaces de Vilafranca o 1º deste mes visten con cañaveiras, que chaman tamén "maios", indo de porta en porta cantando coplas na nosa lingua pedindo castañas maias..."

O
MAIO
DAS
LETRAS





Organiza :
Asoc. Cult. Escola de Gaitas de Vilafranca, da Comisión Cultural Sarmiento 2002.



Subvenciona: Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia


Participa:
Colexio San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo




O MAIO DAS LETRAS
Como xa sabedes, este ano é o ano Sarmiento porque no mes de maio se lle vai facer unha homenaxe en Galicia e no Bierzo. O Padre Sarmiento, foi un dos primeiros en estudiar o galego, por este motivo este ano o día das Letras Galegas, que tamén se celebra este mes, vai ser adicado á súa figura. Outra cousa que estudiou Sarmiento foi a Botánica, é dicir, a ciencia que estudia as plantas. Por todo iso este maio imos intentar aprender da tradición e da natureza moitas cousas seguindo os métodos deste galego ilustre nacido en Vilafranca no ano 1695.
Cando chega a primavera e comezan a agromar as plantas e flores, en Vilafranca aproveitamos unha delas para vestir aos nosos maios. Os labregos chámana mazandois ou cañaveira; pero noutros lugares para osmaios utilizan outras plantas e facendo unha festa distinta a nosa e con distintas coplas.
Hoxe imos ver as diferentes celebraciois e tamén as distintas plantas coas que se vesten maios coma os de eiquí, os maios vivintes: fiollo ou fiunchosabugueiropalla…pero tamén veremos outras plantas moi coñecidas e empregadas ao longo do ano en diversos traballos. Traemos tamén con nós unha planta moi abundante nos nosos montes que foi a máis estudiada polo PAI SARMIENTO. ¿Sabedes cal é?. Si acarqueixa esa que se emprega na corte do gando para facer estrume.
Ademais, para que coñezades historias para nenos escritas na lingua que tanto amaba Sarmiento, estarán con todos vosoutros KALANDRAKA para contar uns contos marabillosos.Eles van deixar eses contos no cole, para que despois os poidades ler.
2002, ANO SARMIENTO
SARMIENTO: ESCOLA, NATUREZA E LINGUA
ENCONTROS ESCOLARES COA LINGUA
Xornada de contacontos - Obradoiro de plantas coa participación de KALANDRAKA.
PROGRAMA

Infantíl, 1º ciclo de primaria:
CONTACONTOS CON KALANDRAKA
Obradoiro de contacontos
Contos primaverais arredor das plantas e o ciclo natural.

2º e 3º ciclo de primaria: 
OBRADOIRO COA TRADICIÓN e A LINGUA
Diferentes celebraciois de maios. Os maios humanos, os nosos maios
Plantas autóctonas, os seus nomes, usos, ditos e costumes.
As coplas que acompañan aos maios. A lingua das coplas.
A Aula dos Contos


ACTIVIDADES

Infantil, 1º ciclo: Experiencias orais co galego:
Como dicía Sarmiento debemos aprender " coas mans e co nariz, ollos e boca".
Participa coa contacontos, axudalle a completalos.
Planta a túa semente, a que saíu do conto.

2º, 3º ciclo: Experiencias orais, de lectura e de escrita en galego:
Como dicía Sarmiento:
" a ciencia é infinita e debe ser case infinita a extensión da lingua que debe xogar con ela".
Imos aprender os tesouros que están ocultos nas tradiciois como a dos maios.
Vas escribir os nomes das plantas nas fichas que che entregan e preguntar na casa
se saben doutros nomes para elas e para qué se utilizan.
Tamén xogaremos a inventar a túa copla e ofrécerlla a un compañeiro/a
cun ramiño das plantas que acabamos de coñecer.
Logo as exporemos nun panel para que todos as vexan durante o mes de maio.





ANO SARMIENTO: SARMIENTO. ESCOLA, NATUREZA E LINGUA 




OUTONO 
DAS 
PALABRAS 


2ªXORNADA ESCOLAR SARMIENTO 2002 

OBRADOIRO
DE ANIMACIÓN Á LECTURA
CON KALANDRAKA

Participan os seguintes COLEXIOS de PRIMARIA do BIERZO:
- S. Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo.
- Ximena Muñiz de Corullón.
- Quinta Angustia de Cacabelos.

Organiza: Asociación Cultural ESCOLA DE GAITAS de Vilafranca, membro da COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002".

OUTONO DE CASTAÑAS E PALABRAS
O outono é a época dos magostos, no que comemos as castañas asadas, pero ata obter as castañas ¿sabes canto traballo dan?. Seguro que moitos de vosoutros tedes soutos, pois lembrade: hai que coidar os castañeiros, primeiroesmoucar, despois limpar o souto, ¡coidado co lume!, pode prender no monte como xa ten pasado. Despois esperemos ca natureza faga o resto, saen as flores, de elas os ourizos, e cando caen hainas que apañar, ¡ollo cos pinchos!.
É un traballo duro, pero xa temos as castañas no megopreparadas para asar no tambor ao lume ou cocelas (se as queredes cocer non esquezades de lles botar unhas folliñas de néveda para que esteñan máis saborosas).
As que sobran poñense a secar no canizo, xa sabedes que hai que lles facer fume para que sequen ben. Así no maio teremos as maiolas, ou castañas secas para darllas aosmaios cando as pidan, lembrades a canción:
Tire castañas señora María,
Tire castañas cas tein na cociña.

PROGRAMA:
1-SESIÓN DE CONTACONTOS. Imos escoitar algúis contos que unha vez contaron os nosos avós nun outono ao carón do lume mentras disfrutaban do magosto na casa.
2-ACTIVIDADES : RECOLLEITA DA TRADICIÓN ORAL. Aproveitade, nestes días vai haber magostos abondo para disfrutar dos nosos maiores, os que máis contos saben. Pedide que vos conten un e apúntadeo.
3-LECTURA EN GALEGO. Se vos gustaron os contos e quixeras volvelos a escoitar agora podes facelo. Na biblioteca do teu colexio a Editorial Kalandraka deixou algún dos que che contaron e outros que aínda non coñeces. Pídellos aos teus mestres.


ANO SARMIENTO 2002: COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO

COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002"

ACTIVIDADES EN VILAFRANCA 

NO ANO SARMIENTO 2002

COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002" DE VILAFRANCA DO BIERZO
Quen é a Comisión:
A COMISIÓN CULTURAL "SARMIENTO 2002" formouse a iniciativa dos distintos colectivos culturais convocados pola Asociación Pro-Museo a finais do ano 2001 e está composta inicialmente por todas as entidades culturais, educativas de Vilafranca e outras de diversa índole afincadas na nosa vila e interesadas na posta en marcha do Proxecto Cultural SARMIENTO 2002.

As entidades locais convocadas son:
-Asociación Pro Museo de Vilafranca
-Asociación Cultural " Escola de Gaitas"
-Asociación Amigos de Villafranca.
-Asociación ÁGORA -Fundación D.Pedro de Toledo.
-Instituto Ensino Secundario "Padre Sarmiento".
-Colexio de Ensino Infantil e Primaria " San Lorenzo de Brindis"
-Congregación de Pais Paúis de Vilafranca.
-Concellería de Cultura e Alcalde de Vilafranca.

A Comisión Cultural "SARMIENTO 2002" buscará posteriormente a colaboración de entidades bercianas de todo tipo ou que se pensen poden estar interesadas, anque non estean ubicadas na nosa comarca, como:
- Instituto de Estudios Bercianos
- Consello Comarcal do Bierzo
- Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela.
- Instituto Leonés de Cultura, etc...

Que obxectivos persegue: 
· Renderlle unha nova homenaxe a Sarmiento, natural de Vilafranca do Bierzo, manifestando a nosa intención de sumarnos a celebración no ano 2002 das LETRAS GALEGAS ano no que vai ser homenaxeado en toda Galicia.
· Solicitar da Real Academia Galega a nosa intención de albergar os actos do 17 de maio.
· Solicitar da Xunta de Galicia e a Junta de Castela y León a sinatura dun convenio para a reconstrucción da Casa Natal de Martín Sarmiento en Vilafranca como centro das Artes e a Cultura no Camiño a Compostela e Centro de Divulgación da obra do erudito.
· Pór en marcha iniciativas que permitan colocar o noso patrimonio histórico-artístico, cultural e natural en relación directa coa polifacética obra de Martín Sarmiento para asentar unha oferta cultural atractiva incorporando de forma efectiva a vida, obra e pensamento do ilustrado como baluarte do noso conxunto patrimonial.

Estas actividades non só se pensan desenvolver durante o ano 2002, senon tamén estarán pensadas para garantir a súa continuidade en anos vindeiros.

Sobre os actos previstos para o ANO SARMIENTO 2002: 
A Comisión Cultural Sarmiento 2002 proxecta un paquete de actividades ao redor da figura de Sarmiento de moi diversa índole que, lonxe de pretender a realización dun acto puntual ou simbólico, supoñen un decidido pulo á difusión da vida e obra do noso ilustre veciño e a promoción activa do galego e a súa cultura. A obra e pensamento sarmentianos forma un conxunto polifacético, complexo e compacto ao que nos quixemos achegarnos escollendo as facetas máis chamativas e que teñen neste momento maior rendabilidade cultural, didáctica e atractivo entre os compoñentes da Comisión. De aí parten as nosas actividades que atenden a máxima do ilustrado "sapere aude"(atrévete a aprender) e fan fincapé en catro facetas importantísimas da obra de Frei Martín Sarmiento:

-SARMIENTO NA ESCOLA.
-SARMIENTO E A NATUREZA.
-SARMIENTO E A LINGUA.
-SARMIENTO NO CAMIÑO.

Todas elas están unidas entre si de tal xeito que aída que apareza en cada actividade en primeiro plano un dos títulos en todas elas están presente as outras. Nos catro apartados é permanente o interese pola función didáctica e divulgativa , como tamén é unha constante a promoción lingüística do galego.

A Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo forma parte parte constituínte da denominada COMISIÓN CULTURAL SARMIENTO 2002, para a cal presentamos os dous proxectos relacionados directamente e dun xeito moi práctico coa promoción e fomento do uso do galego no Bierzo e que fundamentalmente teñen e presentan esta dimensión comarcal, anque terán algúns deles importantes repercusións máis aló dos lindes bercianos.

Os Proxectos son:
-SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO.
-SARMIENTO: ESCOLA, NATUREZA E LINGUA.

Dous proxectos presentados pola Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo ( unha asociación destacada no seu traballo a prol da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, como no presente ano a fundación Pedrón de Ouro recoñeceu o Pergamiño de Honra)nos que se pretende desenvolver en tres etapas ao longo do presente ano unha serie de actividades de promoción lingüística da mao da figura de Sarmiento homenaxeada con motivo da celebración das Letras Galegas. Estas actividades centradas no fomento do uso da lingua serán ademais un complemento axeitado as actividades de carácter institucional que se desenvolverán fundamentalmente no mes de maio en Vilafranca do Bierzo.

SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO: Actividades pensadas para achegarse tanto á figura de Sarmiento e a súa querencia polo galego como a problemática lingüística desta lingua no Bierzo. Ambos temas aparecen unidos ineludiblemente na celebración das Letras Galegas que este ano se realizará no Bierzo, fóra da Galicia Administrativa. Esta celebración necesita unha esmerada e precisa presentación que debe ser propiciada polos propios bercianos. Coñecer a Sarmiento implica ter moi presentes aspectos da nosa vida cultural, tantas veces esquecidos, como é o lingüístico. Este ano debe permitir dar un gran paso adiante na divulgación popular da obra de Sarmiento e no proceso de promoción, dignificación e presencia do galego no Bierzo ao que as actividades previstas contribuirán tanto no ámbito público en xeral (tendo presentes de forma especial aos medios de comunicación, administración local e comarcal) como tamén outros ámbitos específicos como pode ser o escolar que requiren un tratamento singular. A transcendencia máis alá da comarca virá marcada pola plasmación do proxecto en internet e ante os milleiros de visitantes e pelegríns camiño a Compostela que descubrirán o Bierzo da man de Sarmiento e seguindo os pasos que deu nas súas viaxes a Galicia, reparando nesas peculiaridades do noso Patrimonio natural, cultural e lingüístico que chamaron a atención do ilustrado galego nacido en Vilafranca. A filosofía que move dito proxecto procura a consolidación deste tipo de iniciativas cara o futuro no sentido de facer medrar o uso do galego no Bierzo, tamén naqueles lugares onde é menos frecuente, anque non menos necesario. De aí que unha das actividades sexa a realización dunha publicación Memoria das actividades do ano Sarmiento en Vilafranca e no Bierzo.

Calendario inicial do Proxecto SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO: 

9 de Marzo, data do nacemento de Sarmiento
- ENCONTRO "MARTÍN SARMIENTO" .

17 maio, día das letras galegas e 18 e 19 de Maio 
- PRESENTACIÓN DA PÁXINA WEB E DO DIAPORAMA: " SARMIENTO E O GALEGO DO BIERZO ".

Xuño-Setembro
- "SARMIENTO NO CAMIÑO" .
Setembro-Outubro:
- PROXECTO "SARMIENTO E A LINGUA" EXPOSICIÓN DIDÁCTICA: "SARMIENTO E O GALEGO NO BIERZO" PUBLICACIÓN MEMORIA DO ANO SARMIENTO.

SARMIENTO: ESCOLA, NATUREXA E LINGUA.
Trátase dun proxecto de carácter máis específico que o anterior, pero de gran transcendencia para á divulgación eficaz da obra de Sarmiento e do fomento do galego no Bierzo. Está deseñado pensando nas necesidades e propostas que os mesmos mestres e profesores nos trasladaron. A necesidade de realizar un achegamento á figura de Sarmiento e máis en concreto, e dun xeito práctico a súa obra, son a razón fundamental de que ao longo do Ano Sarmiento se leven a cabo actividades distribuídas en distintos momentos. As ideas pedagóxicas de Sarmiento o seu modus operendi e a ineludible ligazón da lingua coa aprendizaxe son elementos vertebradores do presente proxecto. O primeiro contacto sería unha xornada ligada a costumes que de xeito natural ligan o uso da lingua a etnobotánica moi do gusto de Sarmiento, actividades que tradicionalmnete se veñen desenvolvendo en Vilafranca relacionadas cos maios. A continuación facilitamos que os traballos sobre Sarmiento nos centros de Primaria e Secundaria, que aprobaron nos seus Consellos Escolares, teñan unha proxección pública para que toda a Comunidade Escolar se sinta partícipe da iniciativa coincidindo coa data das Letras Galegas. A seguinte etapa procurará asentar o carácter cíclico das actividades realizadas arredor de Sarmiento e a lingua e a súa proxección cara o futuro. A proposta de creación dunha Aula Activa da Natureza que levaría o nome de Martín Sarmiento que se está elaborando no centros educativos de Vilafranca e que se instalaría nos locais na antiga "Escuela Hogar" pretendemos que dentro do Ano Sarmiento realice xa unha experiencia piloto, que denominamos " Sarmiento e o nome dos seres vivos" que se presentaría o día das Letras Galegas e que se desenvolvería posteriomente a partir dunha 2ª Xornada Escolar "Martín Sarmiento" a comezo do curso que vén.

Calendario inicial do Proxecto:

SARMIENTO: ESCOLA, NATUREZA E LINGUA

30 abril -1 de maio: 
- 1ª XORNADA ESCOLAR " MARTÍN SARMIENTO"
curso 2001-

2002
- FESTA DOS MAIOS: ACTIVIDADES DIDÁCTICAS NAS AULAS E NAS RÚAS VIVINDO A TRADICIÓN.

17 maio, día das letras galegas e 18-19 de Maio:
- PRESENTACIÓN DO DIAPORAMA do PROGRAMA: SARMIENTO: NATUREZA E LINGUA: " SARMIENTO E O NOME DOS SERES VIVOS ".
-EXPOSICIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS DAS ACTIVIDADES: "SARMIENTO NA ESCOLA".


Setembro-Outubro:
-2ª XORNADA ESCOLAR "MARTÍN SARMIENTO". Magosto de experiencias escolares. (curso 2002-2003) -"SARMIENTO: NATUREZA E LINGUA" EXPOSICIÓN "SARMIENTO E O NOME DOS SERES VIVOS" Proposta piloto para a Aula Activa da Natureza "Martín Sarmiento".


Lembrade que con anterioridade se solicitara esta celebración das Letras en Vilafranca ante a RAG. 

venres, 21 de agosto de 2015

MEMORIAS DAS XORNADAS DE CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO (1993-1994-1995-1996)

XORNADAS DA
CULTURA E LINGUA GALEGAS
NO BIERZO.

Son catro memorias escritas das Xornadas que en catro anos consecutivos organizou a Asociación cultural ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA coa intención de manter vivo o debate e a reflexión sobre a situación presente, pasada e futura do ente cultural galego no Bierzo. Catro anos consolidando unha dinámica de actos que prestixian e promocionan o uso do galego en manifestaciois públicas, máis aló dos lugares habituais da fala familiar e interveciñal, camiñando na busca da normalización da nosa cultura en tanto que se estudian as nosas raíces, asentando así o traballo cultural de hoxe e para mañá.


Os aspectos tratados puxeron de manifesto o emprego da lingua oral, fundamentalmente do galego, nunha boa parte do bierzo. A tradición oral e a lingua e o calendario tradicional foron, respectivamente, os centros de interese das dúas primeiras Xornadas, dos anos 93-94. A terceira, celebrada o ano 1995, planteouse homenaxear e popularizar a personalidade e a obra de Martín Sarmiento, un ilustrado galego de Vilafranca, cando se cumpría o tricentenario do seu nacemento un 9 de marzo de 1695 na nosa vila, esa figura cuxa patria é a da cultura universal, como moi ben definíu o profesor X. Alonso Montero.


Na IV edición propuxémonos achegarmos dun xeito especial á realidade histórica, lingüística e literaria, é presencia documental do galego no Bierzo. Tres son os momentos cruciais polos que pasou o galego ao longo da súa conflictiva historia, tanto en Galicia como no Bierzo. Referímonos ao esplendor medieval, ao rexurdimento do XIX, e ao desenvolvemento e vicisitudes polas que pasa no século XX, vitais para o seu futuro. Personaxes importantes da Idade Media no Bierzo, e en Galicia, utilizaron o galego nos seus escritos, como o utilizou Martín Sarmiento no século XVIII, constituíndose en pai da Filoloxía Galega, como, entre outros autores que escriben en galego no XIX, Antonio Fernández y Morales foi quen de realizar uns "Ensayos poéticos" nese mesmo idioma, ou pouco despois o empregou Fco. De Llano y Ovalle, así como tamén outras personalidades bercianas xa no presente século colaboraron, e seguen contribuindo ata os nosos días, á producción literaria galega desde o Bierzo (Ramón González Alegre, Aquilino Poncelas, Valentín Carrera...)


Pois ben coa axuda de escritores como Mendez Ferrín, Historiadores como J. A. Balboa ou J. I. González Ramos e lingüístas como A. Santamarina quixemos reconstruír nesta, polo de agora, última Xornada esa panorámica de textos e contextos nos que se empregou no pasado e se emprega hoxe o galego no Bierzo, para propiciar un futuro máis fornecido a esta lingua que é nosa e de Galicia, pero que non está igual protexida alá que aquí.
Importantes sinaturas e estudiosos como son: X. M.González Reboredo, Alfredo Rodríguez, Aquilino Poncelas, Alicia Fonteboa, Santiago Castelao, Victor Guerrero, Clodio González Pérez, Uxío Novoneyra, e os xa citados anteriormente entre outros están presentes cos seus escritos nestas catro publicaciois das Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ás que tamén aportaron diversos traballos de investigación distintos membros da nosa asociación.


EDITA: ASOCIACIÓN CULTURAL "ESCOLA DE GAITAS" de 
VILAFRANCA DO BIERZO,
Subvencionadas pola Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

CONTOS DE MAIO (II) (1994)


CONTOS DE MAIO (II)
EDITA: Asociación Cultural "ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA DO BIERZO".
Edición subvencionada pola: Dirección Xeral de Política Lingüística, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da XUNTA DE GALICIA. Ano 1994.

DEDICATORIA:
AOS NINOS.
“Este caderniño que teis nas túas maos é unha ferramenta para que podas ler contos en galego, pero contos feitos por ti ou por algúis dos teus compañeiros máis maiores, pois como xa seguro que sabes son contos escritos para o "II- Concurso de Contos e Cómics en Galego" sobre o Maio que a Escola de Gaitas organizou para que tu podas utilizar esta lingua que seguro falan os teus aboiños e quizáis tamén os teus pais. Dilles que tu tamén queres coñecela, pois esta lingua fálase no Bierzo desde fai muito tempo e, como forma parte da nosa cultura, non debemos perdela. Nesta edición ademáis de composiciois propias de ninos e ninas este ano dous autores un de novelas, berciano e de Vilafranca, e outro de libros de contos e poesía, galego da beira mar, quixeron a solicitude nosa colaborar nesta publicación de fins didácticos ofrecendo os contos que a continuación reproducimos. Servan estas poucas letras de agradecemento pola súa preocupación e interese así como de recoñecemento da súa sensibilidade pola promoción do galego no Bierzo, especialmente entre as xeraciois máis novas. "Este conto, que terá que chegar ós lectores coa axuda dun traductor, adícollo aos nenos dos lugares do Bierzo que falan e entenden o galego. Cando eu andaba pola súa idade, resultábame familiar esta fala, na ferretería vilafranquina do meu pai, frecuentada por xentes sinxelas e recias. Pero ninguén me ensinou na escola con sistema e orde unha lingua entrañable que me gustaría usar na miña creación literaria, alternándoa co rico e case universal idioma de Castela. Pido que aos nosos rapaces de agora se lles aforre esta mutilación."
Antonio Pereira.



O ano pasado con motivo da primeira publicación dos Contos de Maio, dirixiamos unhas breves palabras de ánimo ós mestres pola alta participación, que nesta segunda edición repetíu as cotas do ano anterior coa suma dun novo centro: o Colexio Virgen de la Quinta Angustia de Cacabelos. Así os Colexios de Vilafranca, Corullón e Cacabelos están dando un paso importantísimo no proceso de normalizar a situación do galego nas escolas do Bierzo. Lembrar que o caderno de contos está pensado para que ese labor de introducción do galego sexa máis doado e levadeiro ao dispor de materiais motivadores para os mesmos rapaces e os mestres pola temática coñecida, por seren eles mesmos os protagonistas e autores dos traballos que nel aparecen. Este ano introducimos algún cómic e boa parte dos debuxos que viñan acompañando as composiciois, que lamentablemente temos que reproducir en branco e negro e non en cor como se debiera. Como novidade dous escritores colaboran na publicación de contos de Maio: un coñecido e galardonado (premio Merlín para literatura infantil na pasada edición) autor de contos para ninos en galego, ademáis de magnífico poeta, Bernardino Graña, que nos enviou un conto inédito das terras costeiras de Galicia; o outro é un novelista da casa, Antonio Pereira, que ten acadado o premio Torrente Ballester de novela neste mesmo ano; mandounos un relato que aparece traducido por nós ao galego. Pola súa sensibilidade hacia esta loita pola promoción do galego nestas terras debemos corresponder a estes dous escritores co noso recoñecemento público pola súa contribución sincera a esta causa.


É xusto agradecer tamén o interese da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia ao subvencionar esta publicación e, en xeral, o conxunto de actividades nas que se inclúe o concurso escolar de contos e cómics. A Asociación Cultural "Escola de Gaitas" de Vilafranca quixera, pois, con esta publicación preservar para o futuro dúas das nosas mellores tradiciois polas que vén apostando de sempre, que veñen xunguidas pola tradición oral dos nosos vellos: A Festa do Maio e a Lingua Galega. Elas dúas son parte do noso patrimonio cultural que debe permanecer a pesar de estar ameazado polas tendencias uniformizantes e deformadoras da cultura dos pobos que destrú

e o noso carácter peculiar, as nosas formas de vivir e ver a vida.

NOTA: Preséntase esta publicación redactada nun galego propio dos ninos/as que concursaron é case sempre respeitada, mesmo castelanismos frecuentes na fala ou nas grafías empregadas. As correciois derivadas da transcripción feitas con intención pedagóxica aparecen en notas a pé do texto para que poidan ser comentadas polos mestres para os alumnos e apreciadas polos lectores pequenos e maiores. Hai que dicir que os ninos non teñen traballado coa gramática galega por iso son frecuentes os erros.